Quenes somos

Ansuíña somos un cuarteto de música tradicional galega. Mais en realidade somos catro compañeiros que nos coñecemos dende os tempos mozos, moi mozos. Eramos adolescentes cando o grupo se formaba, comezabamos a tocar a gaita, que non a ser gaiteiros. Fomos medrando, aprendendo e disfrutando coa nosa música e os nosos instrumentos. As nosas vidas foron mudando ao longo destas décadas, pero Ansuíña sempre estivo vivo e presente para cada un de nós. Compartimos amizade coa música como vínculo e así levamos case catro décadas. A música a pé de rúa, en contacto directo coas persoas. Sen grandes ambicións pero sí intentando, con honestidade e criterio, poñer a nosa música tradicional en valor e contexto. Fundamentalmente atendemos as demandas das veciñas, veciños e Comisións de Festas que precisan de gaiteiros para as celebracións ou actos festivos que se organizan na comarca: alboradas nos días de festa, actos culturais, vodas, bautizos, procesións, magostos… alá ondese precisen gaiteiros e queiran contar coa nosa música, alí estamos.

¿POR QUE ANSUÍÑA?

Ansuíña é un pequeno illote, en realidade dous, que se atopan situados na enseada do Esteiro, en Vilanova de Arousa. No seu interior apenas acolle un feixe de piñeiros que “batallan” os coitados contra a voracidade invasora dos eucaliptos. Pero alí seguen, medrando e resistindo na terra que os acolle dende tempos remotos. As Ansuíña non acostuman a recibir visitas do vecindario vilanovés, alí están, solitarias, no medio do Esteiro. Mais non cabe dúbida de que forman parte da identidade e memoria visual do noso pobo, como a ladeira do Monte Lobeira, coma a Torre de Cálago, coma o Fuciño do Porco ou a Praza da Pastoriza. O noso grupo tomou prestado o seu nome no momento de xestarse, alá polo ano 1989 e dende aquela mantemos accesa a chama de música tradicional na nosa vila. É o que nos gusta facer, é o que levamos facendo dende a adolescencia e o que probablemente seguiremos facendo ata que as forzas acompañen.

¿POR QUE AGORA UN TRABALLO DISCOGRÁFICO?

É algo que viñamos sopesando dende hai uns anos pero que nunca acabamos de concretar… ata este momento. Quizais a insistencia de compañeiros e compañeiras de oficio animándonos a materializar o traballo do grupo, quizais a existencia dun repertorio propio que nos gustaría que perdurara no tempo, quizais tamén esa necesidade que temos ás veces os grupos musicais de “inmortalizar” -vía rexistro sonoro- a nosa obra. Sexa como sexa aquí está, trinta e cinco anos despois da súa fundación Ansuíña presenta o seu debut discográfico. Sentímonos contentos e satisfeitos co resultado final. Agardamos que a súa escoita sexa do voso agrado!