Traballo Discográfico

Sempre por Vilanova entran, con aquel de señorío, gaitas ó lombo, altas monteiras, sempre de pano sedán vestidos…

Así son Ansuiña e así os sentimos. A Tradición consiste en transmitir o lume e non en venerar as cinzas e Ansuiña cumpren á perfección con esta máxima. E cúmprena, porque viven a nosa música non como algo do pasado feito no presente, senón como algo, que por pertencer a esa Tradición, é eterno.

Sentindo esta ducia de melodías, un brinco de felicidade agromou no meu corazón. Ansuiña non só é un grupo de gaiteiros, cousa que xa de por si sería relevante; Ansuiña é moito máis. É un produto propio da natureza da nosa Galicia. Nas súas mans, unha muiñeira, unha alborada ou unha polca non son un xerme doutra cousa máis elaborada, senón que son formas perfectas, cheas, rematadas, que por si mesmas transmítennos plenas emocións, e que nacen dunha conexión continua co chan, coas rúas, coas prazas, en definitiva co Pobo que latexa detrás desas notas.

Teño claro que para poder facer estas pezas hai que amar, pero por riba de todo, hai que amar ó País, e Ansuiña ámano. Ansuiña poderían ser gaiteiros dos de antes, pero realmente son gaiteiros dos de agora; pero aínda máis son gaiteiros dos de despois, que amosando un fondo coñecemento dos sons pretéritos, son quen de traelos ós nosos tempos, concibindo novas criaturas melódicas que arrecendendo a Terra, camiñan cara ó futuro ergueitas e fachendosas, propiciando tempos mellores para o País.

Aledémonos por este traballo que acaba de nacer. Longa vida a Ansuiña. Con agrupacións coma eles, o Noso, con maiúscula, nunca se verá empobrecido.

VIVA O NOSO e VIVA ANSUIÑA!!!

ANTONIO RAPOSO VIDAL
Mondego (Sada) – Maio de 2024

Créditos

  • Gaita primeira: José Luis Lema Reigosa
  • Gaita segunda: Paulo Nogueira Porto
  • Tambor: Marco A. Casais Lois
  • Bombo: José Martínez Reboeiras
  • Técnico de gravación: Anxo Xesteira Losada — Gravado no mes de abril de 2024 nos estudios de Anxo Xesteira en Cambados
  • Fotografía: Luis Portas Baúlde
  • Páxina Web: Isabel Pereira Lema
  • Produción: Ansuíña

Agradecementos

  • A Primo Vázquez, o quinto Ansuíña.
  • Olivia, Patri, Magoia, Irene e Bego. As nosas compañeiras.
  • Aos ex compoñentes, Juan Lema e Xaquín Xesteira.
  • Obradoiro Seivane, O Chilro, Xosé Tunhas, Afonso Castro. Os nosos artesáns.
  • A todos os compañeiros/as gaiteiros que ao longo destes anos nos botaron unha man para cubrir as baixas puntuais que sufrimos. En especial a Ramón Fernández e Luís Fernandéz.
  • A todos os veciños e veciñas de Vilanova que ao longo de todos estes anos contaron con nós para tocar no pobo cando era preciso. Grazas.
  • A todas as comisións de festas que precisaban gaiteiros para as alboradas da comarca e pensaron en Ansuíña.

Se gustas da nosa música, se precisas dun cuarteto de gaiteiros, se coñeces a entidades organizadoras ou integrantes de comisións de festas, actos culturais, ou similar… Recoméndalle o noso grupo para a súa contratación!