Unha rúa, unha melodía

O disco é un paseo musical ou quizais sexa máis exacto dicir unha alborada, das moitas que levamos realizadas en Vilanova de Arousa ao longo destes últimos trinta e cinco anos.

Cada peza leva o nome dunha rúa ou lugar recoñecible para as vilanovesas e vilanoveses que escoiten o presente traballo. Coincide nos nomes co itinerario que acostumamos a seguir dende primeira hora da mañá, dende diante da igrexa rúa arriba hacias As Rodas, Cálago, As Sinas, A Braña, Basella, As Hortas, etc, etc.

A selección de melodías deste primeiro traballo discográfico está conformado por doce temas da autoría do propio grupo. Son melodías que se contextualizan, musicalmente falando, na tradición dos cuartetos de gaita das Rías Baixas das últimas oito décadas. Entendemos que é preciso que os cuartetos de gaita se definan non só polo seu estilo ou xeito de interpretar, senón tamén pola identidade e personalidade do seu repertorio. Isto pasa por crear e aportar novas melodías e así dar continuidade no tempo a unha formación, a de cuartetos, que segue a cumprir unha función na nosa sociedade. Escoitaredes muiñeiras, xotas, polcas, mazurcas, pasodobles, alalás… todo elo interpretado con gaitas grileiras, tambor e bombo. Na nosa interpretación mantemos o canon estilístico, interpretativo, ornamentístico e iconográfico de referentes coma Os Campaneiros, Os Areeiras, Os Encantiños, Brisas do Ulla, Pallamallada, Os Carballeiras, Airiños das Rías Baixas… e tantos e tantos outros gaiteiros que foron inspiración e fonte de aprendizaxe para nós. Facémolo así non por criterio ortodoxo ou intención algunha de rescatar do pasado, senón porque é o que nos gusta e como nos gusta interpretar a música de gaita.

Podedes a continuación clicar en cada un dos cortes musicais e escoller o lugar de Vilanova que queredes escoitar.

Alborada Tras da Cruz

Muiñeira de Vilamaior (a do Leste)

Polca das Hortas

Valse do Esteiro

Muiñeira do ramo

Xota das Rodas

Das Sinas á Braña

Muiñeira do Castro

Polca da Basella

Pasodoble da Frada

Xota de Cálago

Polca do Terrón